No marco normativo actual en materia de seguridade e saúde laboral, a protección dos traballadores especialmente sensibles aos riscos laborais está definida no artigo 25 da Lei 31/1995 (LPRL) e desenvolvida con posterioridade no artigo 4 do Real Decreto 39/1997 (RSP).
A protección destes traballadores especialmente sensibles aos riscos laborais provén da transposición na LPRL da Directiva Marco
1989/391/ CEE do Consello, do 12 de xuño, e fai referencia de forma específica aos traballadores menores de idade, as mulleres traballadoras embarazadas ou lactantes e os traballadores con discapacidade.
A normativa de seguridade e saúde existente non se ocupa da protección doutros traballadores, como son os de maior idade, aínda que si especifica que o empresario deberá garantir a protección dos traballadores que polas súas propias características persoais e estado biolóxico coñecido sexan especialmente sensibles aos riscos laborais, como é o caso deste colectivo. Polo tanto, deberían considerarse para eles tamén as obrigas recollidas en relación aos colectivos de persoas traballadoras especialmente sensibles.
Así, en concreto, o empresario está obrigado a garantir a protección destes traballadores e do resto que son particularmente sensibles aos riscos derivados do traballo e:
• Ter en conta estes aspectos na avaliación de riscos e en función desta, adoptar as medidas preventivas e de protección necesarias.
• Non ser empregados en postos nos que, a causa das súas características persoais, estado biolóxico ou de saúde coñecida, poidan poñerse en perigo eles, os demais traballadores ou outras persoas
Do mesmo xeito, o requisito de adaptación do traballo á persoa, establécese no artigo 15.1d) da LPRL, nos principios de acción preventiva, sendo a base da Ergonomía no traballo.