Un dos resultados da tremenda evolución da nosa sociedade é o aumento da esperanza de vida. Actualmente España sitúase en 85,1 anos nas mulleres e 79,4 anos nos homes. Dende o punto de vista da saúde, ademais dun envellecemento da poboación pola escaseza de nacementos, esta evolución terá como consecuencia o cambio no tipo de enfermidades máis frecuentes e un predominio de patoloxías crónicas como son o cancro, a enfermidade cardiovascular, a diabetes e as enfermidades respiratorias crónicas.
Diferentes organismos internacionais puxéronse como obxectivo durante os próximos anos abordar este tipo de enfermidades crónicas e preocuparse principalmente pola súa prevención.
Unha das cousas que teñen en común estas patoloxías é que están moi relacionadas cos estilos de vida, fundamentalmente cunha alimentación non equilibrada, coa falta de actividade física, co consumo de tabaco, de alcol e co estrés principalmente.
O estrés é algo bastante habitual na nosa vida cotiá. Todos nos enfrontamos nalgún momento a unha situación que nolo xerou e pode ser provocado tanto por unha situación triste como alegre. O problema aparece cando non somos capaces de controlalo e prolóngase no tempo xa que inflúe na nosa vida cotiá e polo tanto na nosa saúde. O estrés propicia, por exemplo, condutas adictivas como o consumo de tabaco e alcol e tamén cambios nos hábitos saudables como a falta de exercicio físico ou cambios nos hábitos alimenticios.
Para mellorar o noso benestar emocional é necesario cambiar o noso estilo de vida actual e facelo máis saudable.