A poboación da Unión Europea (UE) envelleceu nas últimas décadas: unha tendencia destinada a manterse e mesmo a intensificarse.
Este envellecemento da poboación reflectiuse tamén no envellecemento da man de obra. Cada vez son menos as persoas novas que se incorporan ao mercado laboral, mentres que a proporción de traballadores/as de idade avanzada (traballadores e traballadoras de 55 anos ou máis) aumenta.
Os cambios demográficos son outros dos factores principais que inflúen no envellecemento da poboación europea e pola tanto, das persoas ocupadas. A estrutura e o perfil da poboación da UE cambiaron considerablemente, en parte debido a unha taxa de fertilidade máis baixas, cambios nos patróns de formación da familia, a un desexo de gozar dunha maior independencia persoal, o intercambio de papeis entre homes e mulleres, a niveis máis elevados de migración, unha maior mobilidade xeográfica e o aumento da esperanza de vida.
É probable que os cambios demográficos na UE sexan considerables nas próximas décadas, dado que como suxiren os modelos en materia de tendencias demográficas, a poboación europea seguirá envellecendo, debido aos niveis de fertilidade baixa e o aumento da lonxevidade. As consecuencias sociais e económicas asociadas ao envellecemento da poboación terán importantes repercusións en toda Europa, tanto a escala nacional coma autonómica.
Na nota descritiva Nº 404 de setembro de 2015 da Organización Mundial da Saúde (OMS), as previsións actuais da Unión Europea indican que:
- Entre 2015 e o 2050, a porcentaxe de habitantes no planeta maiores de 60 anos duplicarase, pasando do 12% ao 22%.
- As previsións para o ano 2020 son que o número de persoas de 60 anos ou máis sexa superior aos nenos de menos de 5 anos.
- No 2050, a estimación é que o 80% da poboación envellecida vivirá en países de ingresos baixos e medianos.
Segundo as proxeccións demográficas do EUROSTAT, espérase que a proporción de traballadores/as de 55 a 64 anos na Unión Europea aumenten dende o 2010 ata o 2030 nun 16,2%. A taxa de emprego da UE-28 para as persoas con idades comprendidas entre os 55 e os 64 anos aumentou de forma progresiva ano a ano desde 2003 e así pasa do 39,9 % en 2003 ao 50,1 % no 2013, como se pode observar na gráfica seguinte.