A destreza e preparación das persoas que manexa as carretas elevadoras é primordial para a seguridade laboral nas empresas.

A CEC está a desenvolver un plan de formación PRL para fomentar o cumprimento da normativa preventiva. No Polígono Industrial do Espírito Santo arrancou estes días una formación gratuíta de Manexo seguro de carretas elevadoras de 10 horas de duración.

Segundo o Real Decreto 1215/1997, do 18 de xullo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización polos traballadores dos equipos de traballo, non existe un carné oficial para manipular carretillas como tal. A condución de equipos de traballo automotores estará reservada ás persoas traballadoras que recibiran formación específica (teórica e práctica) para a condución segura deses equipos de traballo. Deben posuír un documento acreditativo emitido por unha entidade autorizada de formación ou un documento interno elaborado pola empresa que lle impartiu a formación.

De conformidade cos artigos 18 e 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, o empresario deberá garantir que as persoas traballadoras e seus representantes reciban unha formación e información axeitada sobre os riscos derivados da utilización dos equipos de traballo, así como sobre as medidas de prevención e protección que deban adoptarse en aplicación do Real Decreto 1215/1997.

No manexo das carretas elevadoras, a información, subministrada preferentemente por escrito, deberá conter, como mínimo, as indicacións relativas a:

  • As condicións e forma correcta de utilización dos equipos de traballo, tendo en conta as instrucións do fabricante, as situacións ou formas de uso anormais e perigosas que poidan preverse.
  • As conclusións que, no seu caso, se poidan obter da experiencia adquirida na utilización dos equipos de traballo.
  • Calquera outra información de utilidade preventiva.

A información deberá ser comprensible para os traballadores aos que vai dirixida e incluír ou presentarse en forma de folletos informativos cando sexa necesario polo seu volume ou complexidade ou pola utilización pouco frecuente do equipo. A documentación informativa facilitada polo fabricante estará a disposición das persoas traballadoras.

Asemade, informarase sobre a necesidade de prestar atención aos riscos derivados dos equipos de traballo presentes no seu entorno de traballo inmediato, ou das modificacións introducidas nos mesmos, aínda que non os utilicen.

A UNE 58451 publicada no ano 2016 axuda a establecer uns requisitos de formación das persoas operadoras de carretas de manutención ata 10 000 kg, que nalgunhas ocasións, as empresas esixen na xestión preventiva das mesmas.

Fontes: Real decreto 1215/1997, do 18 de xullo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización polos traballadores dos equipos de traballo e Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais.

UNE 58451:2016 Formación dos operadores de carretas de manutención ata 10 000 kg.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *