Que son os riscos psicosociais?
Os riscos psicosociais son os aspectos do deseño e xestión do traballo, así como os seus contextos sociais e organizativos, que teñen potencial para causar danos psicolóxicos ou físicos. Así, unhas condicións psicosociais adversas están na orixe tanto de determinadas condutas e actitudes inadecuadas no desenvolvemento do traballo, como de determinadas consecuencias prexudiciais para a saúde e benestar da persoa traballadora.
Cales son os factores de risco psicosocial?
Non existe ningún imperativo legal que obrigue a considerar un criterio de clasificación determinado relacionado coas condicións psicosociais. Esta circunstancia derivou na coexistencia de diferentes clasificacións máis ou menos homoxéneas. Con todo, existe un consenso técnico e científico amplo, baseado en modelos teóricos con evidencia empírica, sobre o que se debe considerar como factor psicosocial. Unha mostra de factores de risco psicosocial podería ser:
- Contido do traballo: este factor ten que ver tanto con algúns aspectos do deseño da tarefa (a cal define as esixencias da mesma e a súa forma de execución) como co significado que ten para quen a realiza, mantendo ambas cuestións unha relación íntima entre sí.
- Carga e ritmo do traballo: este factor ten que ver cos aspectos que definen tanto a cantidade de traballo como os aspectos cualitativos do mesmo así como co ritmo de traballo e os seus condicionantes e con cuestións como os niveis atencionais requiridos para a execución das tarefas.
- Tempo de traballo: este factor fai referencia á dimensión temporal do traballo, que inclúe cuestións como a cantidade de tempo traballado, distribución, descansos entre xornadas e pausas no traballo, horarios atípicos, etc. A organización do tempo de traballo mantén unha relación directa con certos desordes fisiolóxicos (por exemplo, a fatiga, ou os derivados do traballo a quendas e nocturno) e pode afectar tamén áreas da vida privada da persoa traballadora cando dificulta a conciliación do tempo de traballo cos tempos da organización familiar e social.
- Participación e control: este factor fai alusión á capacidade e posibilidade de que a persoa traballadora teña para participar na toma de decisións sobre distintos aspectos do desempeño e organización do traballo de forma que poida exercer sobre eles un certo grao de control e autonomía.
- Desempeño de rol: este factor engloba todas aquelas cuestión relacionadas coa definición de funcións, responsabilidades, obxectivos dos postos de traballo así como as relacións funcionais con outras unidades da organización, isto é, coa definición de labores de cada posto.
- Desenvolvemento profesional: este factor recolle aquelas cuestións que afectan á posición da persoa traballadora respecto á súa organización en termos de pertenza á mesma, crecemento, oportunidades dentro da mesma e tamén á consideración de equidade entre o que a persoa traballadora achega e o que recibe da súa organización. Cuestións como a ausencia de desenvolvemento profesional, inseguridade contractual ou inadecuado equilibrio entre o achegado pola persoa traballadora e a compensación que por iso obtén son fontes importantes de tensións.
- Relacións interpersoais/apoio social: este factor refírese a aqueles aspectos das condicións de traballo que se derivan das relacións que se establecen entre as persoas na contorna laboral. O concepto de «apoio social» como moderador da tensión derívase de forma directa destas relacións. As relacións interpersoais poden proxectarse dentro da organización (comunicación interna entre o persoal) ou cara a fóra (comunicación externa coa clientela, provedores) e poden ser a orixe de situacións conflitivas de distinta natureza.
- Equipos de traballo e exposición a outros riscos: a interacción entre a persoa traballadora e os equipos, máquinas, ferramentas, software que se utilizan para o desempeño das tarefas poden xerar certos problemas se se producen algúns desaxustes no uso e funcionamento dos mesmos. Este factor engloba aquelas cuestións que teñen que ver co deseño de equipos, o seu funcionamento, as súas esixencias sobre a persoa traballadora… O desempeño do traballo en condicións de contorna física inadecuada pode causar estrés. Igualmente ocorre co feito de exercer traballos perigosos ou traballar con equipos ou materiais que en si mesmo son nocivos.
Como se xestionan os factores psicosociais?
O empresario deseñará adecuadamente os postos de traballo desde o punto de vista psicosocial e asegurará, coas ferramentas propias da xestión da seguridade e saúde, que ese deseño permita protexer a seguridade e saúde psicosocial das persoas traballadoras. A maneira de levar a cabo isto é mediante unha identificación e avaliación dos riscos psicosociais axeitada e eficaz, tal como se recolle na regulamentación preventiva.
Para iso, o proceso preventivo debe axustarse aos seguintes pasos:
- Identificar os factores de risco.
- Elección da metodoloxía, técnicas e instrumentos que se han de aplicar.
- Planificación e realización do traballo de campo (segundo a metodoloxía escollida, realización de entrevistas, enquisas, …).
- Análise dos resultados e elaboración dun informe.
- Elaboración e posta en marcha dun programa de intervención.
- Seguimento e control das medidas adoptadas.
Como afecta ás persoas traballadoras a exposición a riscos psicosociais?
Os efectos negativos de orixe psicosocial sobre a saúde das persoas traballadoras maniféstanse a distintos niveis. Hai que sinalar que non se restrinxe a afectación exclusivamente á esfera emocional ou psicolóxica coa conclusión simplista de que a exposición aos riscos psicosociais pode orixinar depresión, ansiedade ou calquera outro trastorno mental. Na primeira instancia prodúcese unha resposta de tensión na persoa, coa sintomatoloxía propia deste primeiro efecto. Os danos á saúde poden ser de moita máis gravidade e os factores de risco que están nunha situación de exposición de risco para o traballador non se eliminan ou corrixen.
A prevalencia de afectación a un nivel ou outro, así como a latencia na aparición de danos e síntomas e a súa intensidade e duración, está mediatizada polas características persoais e os recursos organizativos e persoais dispoñibles. O papel modulador do apoio social sobre os efectos da tensión laboral na saúde dos traballadores é sobradamente coñecido e apoiado pola evidencia científica.
Como se pode actuar ou previr sobre os riscos psicosociais?
En psicosocioloxía as medidas preventivas a implementar poden ser moi variadas e afectar non só ás condicións organizativas. Pódese considerar que hai tres grandes grupos de actuacións:
- Medidas de prevención en orixe. Son as que deben priorizarse fronte aos outros tipos de intervencións. O seu obxectivo é eliminar ou reducir a exposición ao risco modificando os estresores a nivel da empresa e da contorna de traballo.
- Medidas para aumentar recursos ou resistencia das persoas xa expostas, protexéndoas fronte ás situacións de traballo potencialmente estresantes. O seu obxectivo é aumentar os recursos persoais (individual ou colectivamente).
- Medidas con actuacións terapéuticas sobre as persoas, cuxo obxectivo é protexer e curar ás persoas afectadas.
Fonte: Instituto Nacional de Seguridad y Salud en el Trabajo (INSST) https://www.insst.es/riesgos-psicosociales2
Muchas gracias por toda esta información. Un cordial saludo. Alicia.