O Radon como risco laboral
Os riscos que as radiacións ionizantes supoñen para a saúde está a preocupar ás persoas empresarias e traballadoras. O gas radon é a fonte de radiación ionizante de orixe natural mais importante. É un gas nobre incoloro, inodoro e insípido que se forma a partires da desintegración natural do uranio e torio nas rocas graníticas. A desintegración radioactiva do elemento emite radiacións que se son inhaladas de xeito prolongado poden danar os pulmóns e provocar cancro.
O uranio e o radio están presentes de xeito natural na maioría de chans e rocas da cortiza terrestre. O radon, cuxo isótopo mais significativo é o 222Rn emana dos chans e das rocas e tende a concentrarse en espazos pechados, contribuíndo de forma destacada á dose de radiación ionizante recibida pola poboación.
O radon está considerado como canceríxeno pola Organización Mundial da saúde (OMS), de acordo coa Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC).
A Directiva europea, 2013/59/EURATOM, está pendente de transposición no nosos país (vai con retraso desde febreiro do 2018). Esta Directiva substituíu ás anteriores que regulaban as normas de seguridade para a protección fronte ás exposicións ás radiacións ionizantes, incluídas as de orixe laboral. En España deu lugar ao Regulamento sobre Protección Sanitaria contra Radiacións Ionizantes e á Instrución IS-33 do Consello de Seguridade Nuclear, sobre criterios radiolóxicos para a protección fronte á exposición á radiación natural.
Segundo a Directiva 2013/59/EURATOM, os Estados membros teñen un límite de 300 Bq/m3 tanto para vivendas como para lugares de traballo. Ademais, os Estados deben establecer un Plan Nacional de Radon. Eses 300 Bq/m3 correspóndense cos límites establecidos na Instrución IS-33 do Consello de Seguridade Nuclear que ten fixado para certas actividades nas que hai presenza de público.
O borrador do Real decreto de modificación da Parte I do Código Técnico da Edificación inclúe a exixencia básica de protección contra o radon en recintos pechados dos edificios, e modificación do Documento Básico DB HS de Salubridade, incorporando unha nova sección na que se desenvolven os requisitos técnicos a cumprir polos edificios para satisfacer esta nova exixencia.
Mentres que para os lugares de traballo, os niveis de referencia 222Rn de concentración media anual fixados durante a xornada laboral na dita Instrución son 600 Bq/m3 e non é necesario control; entre 600-1.000 Bq/m3 débese aplicar un nivel baixo de control; e para niveis > 1.000 Bq/m3 débese aplicar un nivel alto de control, coa aplicación das correspondentes medidas de protección radiolóxica, no caso de que unha vez realizadas as accións de remedio, a concentración de radon non se consiga reducir.
Coa transposición da Directiva 2013/59/EURATOM reducirase o nivel de referencia nacional actual respecto aos lugares de traballo aos 300 Bq/m3.
Atendendo á normativa aplicable en materia preventiva, as persoas empresarias deben levar ao cabo o control do gas radon, mediante:
- Identificación do risco: Estudo dos edificios e localización dos puntos de medición
- Avaliación do risco: Realización de medicións e obtención de resultados
- Planificación e implementación das medidas preventivas e/ou correctoras
- Vixilancia da saúde das persoas expostas: Segundo o artigo 22 da LPRL, as persoas empresarias garantirán ás persoas traballadoras ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.
A CEC xunto coa CEG e con financiamento da Xunta de Galicia, organiza un curso de 20 horas de duración sobre Amianto e Radon: Xestión preventiva co fin de fomentar a mellora da prevención de riscos laborais no noso territorio.
É preciso inscribirse xa que o número de prazas é limitado.
Lugar: APECCO. Rúa Mendaña de Neyra, 28 A Coruña.
Datas e horario: Do 21 ao 24 de outubro de 16:00 a 21:00 h
Inscricións: pica aquí
Fontes:
Organización Mundial de la Salud (OMS) https://www.who.int/es/news-room/fact-sheets/detail/radon-and-health
Instrución IS-33, do 21 de decembro de 2011, do Consello de Seguridade Nuclear, sobre os criterios radiolóxicos para a protección fronte á exposición á radiación natural
Rd 783/2001, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento sobre protección sanitaria contra radiacións ionizantes. (modificado por Rd 1439/2010)
Directiva 2013/59/EURATOM pola que se establecen as normas de seguridade básicas para a protección da poboación contra os perigos dunha exposición a radiaciones ionizantes
Borrador do Real decreto de modificación da Parte I do Código Técnico da Edificación https://www.codigotecnico.org/index.php/menu-documentos-complementarios/357-proyecto-modificacion-cte-julio-2018.html