Que é o amianto e onde se atopa?
O amianto ou asbesto é un mineral fibroso e flexible cunha gran resistencia á rotura e ás altas temperaturas. Hai tres tipos de amianto:
- Amianto azul ou crocidolita
- Amianto marrón ou amosita
- Amianto blanco ou crisotilo
Foi un material amplamente utilizado no noso país desde os anos setenta ata que o seu uso e comercialización prohibíronse no ano 2002, pero non é obrigatorio eliminar o que está colocado se non chegou ao final da súa vida útil.
Debido a estas características, o amianto empregouse nunha grande variedade de produtos, principalmente nos materiais de construción (recubrimento de tellados) e produtos de fricción (embrague de automóbiles, freos), materiais téxtiles, envases e revestimentos.
Que risco ten o amianto?
O amianto está composto de fibras entrelazadas e finas que poden descompoñerse en fibras máis pequenas que quedan suspendidas e transportadas a través do aire, e poden ser inhaladas. Se as fibras son inhaladas e penetran no aparato respiratorio, estas afectan aos pulmóns e á membrana que envolve a estes, a pleura, producindo lesións que poden acabar nunha enfermidade chamada asbestose. A xente que padece asbestose ten dificultade para respirar, con tose frecuente e, nalgúns casos graves, dilatación do corazón.
Outras enfermidades que provoca a inhalación de fibras de amianto son o cancro de pulmón e o mesotelioma. O mesotelioma é un cancro da pleura. O cancro producido polo amianto non aparece a curto prazo senón transcorridos varios anos (existen estudos que marcan este tempo entre 15 e 60 anos). Esta é a razón pola que actualmente seguen aparecendo traballadores/as que estiveron expostos ao amianto hai anos. Ademais, o risco vese agravado nas persoas fumadoras, situación que aumenta a probabilidade de sufrir algunha destas enfermidades nas persoas que estiveron expostas.
Onde se pode atopar o amianto?
As excelentes propiedades que presenta o amianto (illantes, mecánicas, resistencia ao lume) explican a súa ampla utilización durante moitos anos. Utilizouse en numerosas aplicacións industriais e na composición de moitos produtos, sendo moi destacable a súa utilización no sector da construción (protección ignífuga, paneis acústicos, calorifugado, baldosas e chans, placas de falso teito, fibrocemento, pinturas, asfaltos e masillas); tamén se empregou na industria téxtil (traxes illantes, mangueiras, cortinas) e na fabricación de medios de transporte.
Tamén se pode salientar un sector que engloba a aquelas profesións que poden estar en contacto co amianto ao facer labores de mantemento e reparación, como son albaneis, electricistas, carpinteiros, fontaneiros e traballadores de mantemento en xeral.
Quen está en risco?
Por unha banda, as persoas traballadoras que realizan traballos de demolición de construcións onde exista amianto ou materiais que o conteñan.
Por outra banda, o público e a veciñanza dos lugares onde se realicen obras públicas e civís, fábricas e despezamentos onde se manipula amianto.
E ademais, os familiares das persoas traballadoras expostas que levan roupa de traballo contaminada con fibras de amianto á casa ou que as transportan no seu pelo.
Lexislación de referencia e ámbito de aplicación
Ademais dos principios e disposicións básicas incluídas na Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, contamos co Real Decreto 396/2006, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos co risco de exposición ao amianto, que é a normativa específica de aplicación para este axente. O Real Decreto establece as obrigas do empresario co gallo de establecer unhas condicións de traballo o máis seguras posibles para os/as traballadores/as que teñen risco de exposición ao amianto.
Este Real Decreto é de aplicación ás operacións e actividades nas que as persoas traballadoras estean expostas ou sexan susceptibles de estar expostas ás fibras de amianto ou de materiais que o conteñan.
Tamén hai que ter en conta as disposicións da Orde de 27 de xuño de 2018 pola que se regulan os procedementos e se aproban e se dá publicidade dos modelos de solicitude e comunicación relativos aos traballos con risco de exposición ao amianto en Galicia, que regulan os procedementos e requisitos documentais a presentar ante a Autoridade Laboral para os traballos con risco por amianto.
Xestión preventiva do risco de exposición ao amianto
- Actuacións administrativas
INSCRICIÓN NO REXISTRO DE EMPRESAS CON RISCO POR AMIANTO (RERA)
Todas as empresas que vaian realizar traballos nos que exista risco de exposición ao amianto deben estar inscritas no Rexistro de Empresas con Risco por Amianto da Comunidade Autónoma de Galicia, previamente ao inicio da actividade.
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do portal da sede electrónica da Xunta de Galicia.
PLAN DE TRABALLO
Antes do comezo de cada traballo se debe elaborar un plan de traballo que debe aprobar a Autoridade Laboral no prazo de 45 días hábiles.
A normativa contempla a posibilidade de presentar, especialmente en tarefas de mantemento e reparación, un plan de traballo único de carácter xeral que poida servir para actividades similares, pero restrinxe esta posibilidade a operacións de curta duración con presentación irregular ou que non se poidan programar con antelación. Desta maneira, os plans de traballo poden ser:
- Plans de traballo específicos para unha operación: para traballos programables e de duración variable, especialmente en demolicións, retirada de amianto ou de materiais que o conteñan en edificios, estruturas, maquinaria, equipos e instalacións.
- Plan de traballo de carácter xeral: para operacións de curta duración con presentación irregular ou non programables con antelación, particularmente nos casos de mantemento e reparación, poderase substituír a presentación dun plan de traballo para cada operación por un plan de traballo de carácter xeral, referido ao conxunto destas actividades, no que se conteñan as especificacións para ter en conta no desenvolvemento das mesmas. Con todo, o devandito plan deberá ser actualizado se cambian de xeito significativo as condicións de execución.
O plan de traballo e os documentos anexos presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do portal da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/buscador?c=&termo=amianto ).
Na redacción dos plans de traballo terase en conta todas as disposicións incluídas no artigo 11 do RD 396/2006.
- Actuacións técnicas
IDENTIFICACIÓN DE MATERIAIS CON AMIANTO
As actuacións técnico-preventivas ante o risco de exposición ao amianto comezan coa identificación dos materiais que poden conter amianto na súa composición (MCA) nos traballos que se vaian a executar (demolición, mantemento, etc). O/a empresario/a ten a obriga de identificar estes materiais, avaliar os riscos das tarefas con exposición ao amianto e, ademais, ten que incluír a medición da concentración de fibras de amianto no aire do lugar de traballo e a comparación cos valores límites legais establecidos.
ACTUACIÓNS TÉCNICAS DE PREVENCIÓN
Segundo as disposicións do RD 396/2006, aplicaranse medidas tendentes a:
- Avaliación e control do ambiente de traballo: realización da avaliación de riscos con inclusión da medición da concentración de fibras de amianto no aire do lugar de traballo, e posteriores controis periódicos das condicións de traballo.
- Medidas técnicas de prevención: aplicación de medidas eficaces no control de emisión de fibras de amianto ao aire, de maneira que reduzan a emisión de fibras, que diminúan a dispersión de fibras ao ambiente, que faciliten a limpeza e descontaminación da zona de traballo.
- Medidas organizativas: redución do número de persoas traballadoras expostas, sinalización e delimitación dos lugares de traballo onde se realicen traballos con risco por amianto.
- Utilización de equipos de protección individual das vías respiratorias cando a aplicación das medidas técnicas e organizativas resulte insuficiente.
- Medidas de hixiene persoal e de protección individual: posta a disposición de instalacións sanitarias axeitadas, roupa de protección, instalación para separar a roupa de traballo da persoal, lugar de almacenamento dos equipos de protección.
- Formación das persoas traballadoras: garantirase unha formación axeitada sobre os riscos de exposición ao amianto co contido exposto no artigo 13 do RD 396/2006.
- Información ás persoas traballadoras: recibirán a información sobre os riscos e medidas a ter en conta para os traballos con risco por amianto.
- Consulta e participación das persoas traballadoras.
- Vixilancia da saúde das persoas traballadoras.
O SERGAS ten un programa de control da vixilancia da saúde das persoas traballadoras que estiveron ou están expostas ao amianto segundo o protocolo de vixilancia sanitaria específica do MSSSI (https://www.sergas.es/Saude-publica/Amianto–Vixilancia-da-sa%C3%BAde-laboral?idioma=es ).
A saúde das persoas postexpostas inactivas (non traballan xa nas empresas onde foi a exposición) debe ser vixiada a través do Servicio Nacional de Saúde.
A vixilancia das postexpostas activas (aínda traballan na empresa onde foi a exposición, pero non expostas ao amianto) e as expostas (traballan na actualidade en postos con exposición ao amianto) corresponde a súa empresa a través do seu Servizo de Prevención.
Fontes:
Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) http://issga.xunta.gal
Servizo Galego de Saúde https://www.sergas.es/Saude-publica/Vixilancia-da-sa%C3%BAde-laboral