Hábitos saudables

As condicións nas que desempeña o traballo poden repercutir na saúde da persoa traballadora.

O estrés laboral, o consumo excesivo de alcol e drogas, e a violencia (tanto física como psicolóxica) dan lugar a problemas de saúde na persoa traballadora e a unha menor produtividade para a empresa. En conxunto, representan unha das principais causas dos accidentes, lesións mortais, enfermidades e absentismo laboral na actualidade.

É necesario integrar a promoción da saúde nas políticas de seguridade e saúde no lugar de traballo.

A persoa empresaria debe garantir a protección ás persoas traballadoras, que debido as súas características persoais ou ao seu estado biolóxico, poidan ser especialmente sensibles aos riscos derivados do seu posto de traballo.

O Programa europeo de promoción da saúde nos centros de traballo, liderado polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, ten por obxectivos mellorar a organización e as condicións de traballo, promover a participación activa e fomentar o desenvolvemento individual.

Desde a CEC preténdese propiciar que as empresas galegas traballen nesta contorna máis aló das súas obrigacións en materia de prevención de riscos laborais.

Ser unha empresa segura, saudable e sustentable significa, ademais do cumprimento legal en prevención de riscos laborais:

  • Xestionar a saúde do persoal desde un enfoque integral e integrado.
  • Considerar a saúde en todas as políticas da empresa.

A saúde é o resultado da interacción dunha serie de factores ligados á bioloxía humana, aos hábitos de vida, ás crenzas e actitudes das persoas, ás contornas laboral e extralaboral, aos servizos de saúde e a unha serie de factores transversais como o desenvolvemento económico, tecnolóxico, cultural e demográfico.

O modelo para unha boa xestión da saúde no traballo atópase na combinación dinámica, simultánea e complementaria de dúas formas de actuación: a redución dos factores de risco e o desenvolvemento do benestar físico, mental e social.

Isto supón a protección e a promoción da saúde do persoal da empresa a través do esforzo común de todas as persoas empresarias (mediante a creación de contornas seguras e saudables) e traballadoras (coidando do seu propio benestar), coa participación e compromiso de todas elas, para:

  • Mellorar a organización e as condicións de traballo.
  • Promover a participación activa.
  • Fomentar o desenvolvemento individual.

Entre as accións a levar ao cabo están:

  • Sensibilización, información: informar de que hai un risco X.
  • Formación, habilidades: formar sobre como facer fronte ao risco X.
  • Creación de contornas promotoras de saúde: creación dunhas condicións de traballo que permiten facer fronte a un risco X con facilidade.
  • Desenvolvemento dunha política empresarial: posta en marcha de políticas que reduzan o risco X ou que faciliten o control por parte dos traballadores.

A promoción da saúde no traballo ten moitos beneficios para as empresas:

Axudará á empresa para conseguir os seus obxectivos.

  • Mellorará a saúde e o benestar das persoas traballadoras.
  • Conseguirá unhas condicións de traballo máis seguras e saudables.

Na posta en marcha e execución dun programa de promoción da saúde no traballo (PST) é imprescindible a participación de todas as persoas. Isto require o compromiso das traballadoras, representantes, Dirección e persoal intermedio.

O INSHT participa nas iniciativas conxuntas da Rede Europea de Promoción da Saúde no Traballo (ENWHP),  recoñecidas como modelos de boas prácticas en promoción da saúde no traballo.

Os hábitos de vida saudables recomendados pola ceoe, na súa campaña son:

  • Mastigo amodo que teño presa
  • Respira profundo calma a túa mente
  • Se comes lixeiro, sénteste lixeiro
  • Sentarse ben, sentirse mellor
  • Vasos de auga, ríos de saúde

Fonte:

Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos Laborais

OIT (Promoción da saúde e benestar no traballo) https://www.ilo.org/safework/areasofwork/workplace-health-promotion-and-well-being/lang–es/index.htm

Materiais ENWHP https://www.insst.es/materiales-enwhp?inheritRedirect=true

Guía sobre hábitos de vida saudable https://www.edu.xunta.gal/portal/es/node/20042

Hábitos de vida saudable CEOE: https://prl.ceoe.es/prl-al-dia/categoria/habitos-saludables/

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *