O envellecemento da poboación é un fenómeno presente e xeneralizado en todas as sociedades modernas.
A mellora na calidade de vida, que inflúe directamente na esperanza de vida, e o descenso da natalidade fai que a poboación de máis idade predomine proporcionalmente na poboación traballadora. As contornas laborais atópanse en permanente transformación e con elas preséntanse cambios nas condicións de traballo que deben terse en conta con relación á prevención de riscos.
Os cambios da estrutura de idade da man de obra teñen e terán consecuencias para a seguridade e saúde das persoas traballadoras; esta situación demográfica cómpre tela en conta para previr os chamados riscos novos ou emerxentes. As empresas deben establecer políticas que vaian encamiñadas cara á adaptación do posto de traballo á persoa traballadora, sen depender da súa condición física ou idade.
No eido europeo e mundial véñense realizando investigacións relacionadas con este envellecemento para deseñar políticas preventivas ante esta situación que se pode apreciar nas seguintes figuras:
Figura 1: pirámide de poboación da UE ano 2020
Figura 2: pirámide de poboación da UE ano 2050
Figura 3: pirámide de poboación España. Comparativa 2014-2060
A promoción dos estilos de vida saudables como actuación preventiva
A conduta sedentaria da poboación nas derradeiras décadas fixo que as enfermidades asociadas á inactividade física se convertan nun dos maiores problemas de saúde pública do mundo, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS). A promoción dos estilos de vida saudables por parte das empresas iníciase desde a base de que o seu fomento está directamente relacionado coa boa saúde das persoas traballadoras para loitar contra a crecente estatística de enfermidades relacionadas co sedentarismo e os hábitos non saudables.
Tendo en conta que a OMS define como saúde o «estado de benestar físico, mental e social completo», é evidente que os hábitos de vida saudables repercuten moi positivamente na saúde física das persoas traballadoras pero tamén na súa saúde mental e relacionadas coa súa satisfacción laboral.
Na actualidade, traballo, benestar e saúde son conceptos moi relacionados entre si, converténdose o traballo nun pilar fundamental que sustenta a calidade de vida das persoas.
A diminución da poboación activa prevista obrigará ás empresas a se adaptar á realidade das persoas traballadoras maiores; cómpre pór en marcha mecanismos que favorezan os estilos de vida saudables en toda a súa extensión.
As condicións de seguridade e saúde laboral e factores de risco das persoas traballadoras maiores
A permanencia das persoas traballadoras maiores +55 e as condicións de traballo están intimamente relacionadas. A OMS recomenda deseñar políticas e programas tendo en conta este novo escenario laboral e intentando non excluír a ningún traballador por condición da súa idade. É fundamental unha adaptación axeitada das condicións de traballo e un desenvolvemento rigoroso das medidas preventivas que coiden a saúde das mesmas e adapten os postos de traballo ás súas necesidades. Canta mellor sexa a prevención máis baixas serán a diminución de produtividade (porque os postos de traballo estarán adaptados e as persoas traballadoras formadas para realizar una tarefa máis axeitada ás súas características individuais) e, tamén, menores serán os problemas de saúde e absentismo laboral (porque o control ambiental das condicións de traballo estará controlado e os recoñecementos médicos permitirán actuar a tempo).
En canto aos factores de risco das persoas traballadoras maiores +55, diferentes organismos e estudos expoñen que están máis expostas ao risco de padecer trastornos músculoesqueléticos (TME), entre outras razóns, debido ao envellecemento que reduce a forza muscular e o grao de mobilidade das articulacións. Da mesma maneira, as caídas, esvaramentos e tropezos poderían verse motivadas por un empeoramento do equilibrio, menor capacidade de reacción, problemas visuais, etc.
Outro dos factores de risco importantes neste colectivo é o efecto dos factores psicosociais, entre os que se atopan os provocados por :
- probable desactualización profesional en procesos de constante evolución tecnolóxica,
- peor adaptación ás estruturas horarias e á duración da xornada laboral,
- deficiencias nos plans formativos para chegar ás necesidades das persoas traballadoras +55,
- inadecuado deseño das tarefas e baixo nivel de motivación das persoas traballadoras +55.
O paso dos anos de carreira laboral pode proporcionar certas vantaxes ás persoas traballadoras maiores como son a experiencia, a capacidade para resolver problemas complexos, pequenos trucos, maior paciencia e serenidade, etc. Favorecer os recursos que permitan a transferencia de coñecementos e experiencias entre as persoas traballadoras maiores e novas é un punto clave.
Numerosos estudos científicos indican que o rendemento da persoa traballadora non ten por que verse afectado con el paso da idade, posto que a mellora nuns aspectos compensa o deterioro doutros.
Prevención de riscos para as persoas traballadoras +55
O envellecemento da poboación implica que as persoas traballadoras de idade avanzada sexan unha porcentaxe crecente de man de obra. Este feito obriga ás empresas a ter en conta que nos seus cadros de persoal haxa cada vez máis persoas traballadoras +55 e isto, atendendo ás disposicións da Lei de Prevención de Riscos Laborais (en particular sobre a obriga do empresario de asegurar a seguridade e saúde das súas persoas traballadoras) fai que se teñan que introducir axustes nos postos de traballo de maneira que non reduzan a produtividade pero tampouco a seguridade e saúde das persoas traballadoras.
Para acadar este obxectivo haberá que primar aspectos que non se adoitaban ter en conta nas avaliacións de riscos coa debida importancia, como son o efecto dos riscos no colectivo de T +55 das empresas, hábitos de vida saudables, formación para unha correcta ergonomía e benestar e sobre o deseño dos postos. Coa idade se produce un incremento na vulnerabilidade dos accidentes de traballo, polo que pode e debe ser considerado como un risco novo e emerxente.
Os elementos a ter en conta nas avaliacións de riscos para as persoas traballadoras +55 son:
- Riscos relacionados coa seguridade no traballo
- Cambios fisiolóxicos: diminución da forza muscular para a realización de tarefas que requiren esforzo físico.
- Maior probabilidade de sufrir trastornos na columna vertebral.
- Menor mobilidade das articulacións.
- Riscos relacionados coa hixiene industrial
- Diferentes niveis de tolerancia á exposición a diferentes tóxicos.
- Menor tolerancia ao frío e ao calor.
- Alteracións visuais e auditivas que poden afectar á capacidade de reacción das persoas traballadoras ante diferentes estímulos.
- Riscos relacionados coa ergonomía e psicosocioloxía
- Diminución da forza muscular e das articulacións.
- Diminución da mobilidade e da elasticidade.
- Diminución da capacidade de atención, percepción e toma de decisións.
Marco legal das persoas traballadoras +55
O colectivo das persoas traballadoras +55 non dispón de ningunha normativa específica de seguridade laboral, o que implica que lles aplica a normativa de carácter xeral, isto é, a Lei 31/1995, de Prevención de Riscos Laborais.
Segundo o artigo 14 da dita lei “O empresario realizará la prevención dos riscos laborais mediante a integración da actividade preventiva na empresa e a adopción de cantas medidas sexan necesarias para a protección da seguridade e a saúde dos traballadores”.
Estas obrigacións son tamén aplicables para as persoas traballadores maiores de 55 anos, segundo o artigo 25 (protección de traballadores especialmente sensibles a determinados riscos). Cómpre recordar o que establece a Lei de PRL neste artigo “O empresario garantirá de maneira específica a protección dos traballadores que, polas súas propias características persoais ou estado biolóxico coñecido, incluídos aqueles que teñan recoñecida a situación de discapacidade física, psíquica ou sensorial, sexan especialmente sensibles aos riscos derivados do traballo. A tal fin, deberá ter en conta os devanditos aspectos nas avaliacións dos riscos e, en función destas, adoptará as medidas preventivas e de protección necesarias”.
En definitiva, as empresas deben establecer políticas que vaian encamiñadas cara á adaptación do posto de traballo ao traballador, sen depender da súa condición física ou idade.
Como medidas preventivas derivadas da influencia da capacidade física, a persoa empresaria pode:
- Adaptar as funcións á persoa traballadora, reducindo a carga física respecto ás persoas traballadoras mais novas.
- Se o traballo consiste no traslado ou manexo de cargas pesadas, ha de ter en conta que a persoa traballadora maior de 55 anos non conta coa mesma potencia física.
- Adaptación do posto de traballo. Medidas como a dotación de cadeiras e mesas regulables, establecer períodos de descanso con maior frecuencia, rotación nas tarefas realizadas…
- Promover correctos e suficientes descansos para ter o tempo de recuperación necesario ante a realización de esforzo físico.
Como medidas preventivas derivadas da influencia da vista, a persoa empresaria pode:
- Incrementar a cantidade de luz nos lugares que sexa necesario e, na medida do posible, procurar que a persoa traballadora teña a posibilidade de regular os sistemas de iluminación ambiental e os sistemas de visualización e así adaptalos ás súas necesidades.
- Evitar materiais con superficies reflectantes que podan provocar dificultade de visión e polo tanto de percepción da mensaxe. Recoméndanse utilizar acabados mates en todas as superficies.
Como medidas preventivas derivadas da influencia do oído, a persoa empresaria pode:
- Dotar ás persoas traballadoras de reguladores de intensidade da sinal dos avisos sonoros, co fin de adaptalos ás súas condicións auditivas.
- Combinar sinais visuais e sonoras
- Envío de mensaxes claros e inequívocos ou reducir ao máximo o ruído de fondo.
Como medidas preventivas derivadas da influencia da funcións cognitivas, a persoa empresaria pode:
- Dotar de maior tempo de resposta. Dilatar mais no tempo a necesidade de obter resposta da persoa traballadora a un proceso.
- Reducir a carga excesiva de información.
- Evitar a necesidade de recordar moita información por parte da persoa traballadora maior.
- Simplificar ou mecanizar na medida do posible as tarefas asignadas ás persoas traballadoras maiores, xa que o tempo de reacción ante estímulos aumenta coa idade, o que pode derivar en incidentes ou accidentes.
Outras medidas preventivas derivadas do horario de traballo, a persoa empresaria pode:
- Evitar expoñer a traballos a quendas (especialmente si inclúe o nocturno) ás persoas maiores de 55 anos. Realizar controles médicos específicos para evitar a aparición de trastornos do sono, dixestivos, nerviosos…
- Reducir a carga de traballo nas quendas de noite. Dotar ao menos dunha xornada completa de descanso cada dous ou tres quendas de noite consecutivas.
- Adaptar as avaliacións de riscos aos factores que afectan directamente á idade e antigüidade da persoa traballadora.
- Establecer unha adecuada planificación da actividade preventiva, tendo en conta os resultados obtidos, que inclúa un programa adecuado da vixilancia da saúde específica en función dos riscos e adaptada á idade do traballador, na que se teñan en conta factores vinculados ao envellecemento e as patoloxías ou doenzas derivadas deste proceso natural.
Fontes:
Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo (OSHA) https://osha.europa.eu/es
CEOE. Medidas preventivas para empresas con traballadores maiores de 55 anos https://prl.ceoe.es/wp-content/uploads/2018/11/Mayores-B-Folleto-CEOE_A5-1110_web.pdf
CIG Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral. «Seguridade e Saúde Laboral para T +55: riscos novos e emerxentes» 2015 http://www.cigsaudelaboral.org